Mentres os últimos ataques contra Irán ameazan con desencadear unha nova guerra aberta na Asia Occidental, a OTAN celebra unha nova cimeira na Haia co obxectivo de alargar os gastos militares a pedido dos Estados Unidos.
Este incremento dáse na secuencia dun incremento anterior aprobado pola propia OTAN en 2014 que exixía aos seus membros un investimento en armas e estocaxe de material militar até o 2% do PIB en 2029. Sen que se teña cumprido o período para materializar aquel acordo, os Estados Unidos e a OTAN presionan de novo os membros para que os fondos se incrementen aínda máis.
Ainda que o prazo se sitúa agora en 2035, os gobernos aliñados co falso argumento de que máis armas significan máis paz están a anunciar xa incrementos substanciais no curto prazo. No caso do Estado español, o goberno de PSOE-Sumar pretendeu facernos crer que non se realizaría ningún incremento, pasando despois a aceptar o 2% sen aprobación parlamentar, e repite agora o mesmo esquema: aparentar que non se van aumentar os gastos para a guerra, presentar un acordo especial que exonera o Estado de chegar ao 5% e deixa a suba no 2,1%. A poucas horas para o inicio da cimeira na Haia, Mark Rutte aseguraba que xa había un acordo co Estado español para chegar ao 3,5%.
Con todo, non podemos aceitar un falso debate baseado en porcentaxes nin en prazos. Convén lembrar que o incremento de 0,9% a 2% xa está a implicar a detracción de grandes cantidades de diñeiro público da sanidade e doutros servizos públicos para gastos militares. Este novo paso adiante, tanto fai se é para situarse no 2,1% ou no 3,5% ou no 5%, implica en todo caso continuar nun camiño de militarización da economía e da sociedade que de nada serve para mellorar as nosas vidas, nin para gañar en seguridade, nin tampouco para avanzar naquel argumento de “maior autonomía europea” co que os membros da UE tentaban hai só unhas semanas xustificar estas medidas. A realidade é que, para materializar os ataques de Israel e dos Estados Unidos ao Irán, todos os membros da OTAN puxeron ao dispor as súas bases, equipamentos de reabastecemento, intelixencia militar, etc. E todo nunha operación na que, formalmente, a OTAN nin sequera participa.
Por último, cómpre tamén insistir en que a militarización que os Estados Unidos exixen a través da OTAN ten como obxectivo apuntalar a súa propia hexemonía en descomposición e retrasar a emerxencia dun mundo multipolar. No intento de que nada mude, mentres tanto, os custos son trasladados sobre os pobos agredidos e sobre as clases populares tamén nos estados imperialistas, que ás horas da agresión a Irán xa observamos incrementos do prezo dos combustíbeis que rapidamente se poden trasladar aos alimentos e outros bens básicos.
Da Plataforma Galiza pola Paz continuamos a exixir o fin da carreira armamentista que estes gastos militares impoñen e a inmediata saída da OTAN por parte do Estado español para adoptar unha posición de neutralidade activa que poña fin á colaboración por defecto coas agresións imperialistas. E rexeitamos tamén o uso do noso país para instalacións funcionais á OTAN, denunciando o papel absolutamente subsidiario da Xunta de Galiza coa entrega dos recursos naturais do noso país á industria militar. O que queremos é un mundo en Paz baseado no dereito dos pobos á súa soberanía.