A Plataforma Galega contra a OTAN foi constituída o día 26 de xaneiro de 2022 polas organizacións que aderen ao manifesto «Galiza contra a OTAN». Ten como obxectivo principal organizar a resposta galega á cimeira da OTAN prevista para os días 29 e 30 de xuño de 2022 en Madrid.
A Plataforma prevé unha serie de actividades e accións divulgativas da realidade e verdadeiros obxectivos desta alianza militar imperialista e de rexeitamento ao papel que xogan os seus membros, en particular o Estado español. Entre as accións que impulsará está a celebración dunha contra-cimeira de caracter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos, así como diversas actividades para difundir o carácter agresivo e expansivo da OTAN e o papel dos países que fan parte dela, entre eles o Estado español, tal como se está a ver na actual crise na Ucraína.
A Plataforma critica que, mentres os gobernos occidentais chaman cinicamente a establecer parcerías e acordos de cooperación, coa outra man empregan a OTAN para impor unhas relacións internacionais asimétricas e baseadas na ameaza da forza militar.
No manifesto é rexeitado, ademais, o uso de infraestruras e equipamentos en territorio galego para dar soporte á OTAN e a cesión do porto de Ferrol como base militar para a mesma, e lembran como os aeroportos de Santiago e Vigo xa foron empregados para escala de voos secretos relacionados coas guerras imperialistas en Afganistán e o Iraque.