Diante da gravedade dos recentes ataques dos Estados Unidos contra o Irán, da Plataforma Galiza pola Paz queremos subliñar os seguintes aspectos:
- Os ataques estadounidenses constitúen unha agresión imperialista e unha provocación que abre a porta a unha escalada bélica de proporcións difíceis de medir e máis un paso na renuncia á diplomacia e á negociación en favor do uso da forza.
- Estes ataques foron realizados respondendo principalmente aos intereses dos Estados Unidos e de Israel e do resto de potencias occidentais, sen contar nin sequera consultar coas Nacións Unidas, e sen que mediase agresión previa por parte de Irán que, antes ao contrario, viña de recibir os ataques previos do estado sionista de Israel que iniciaron esta escalada.
- Este tipo de agresións inciden de novo na impunidade que a autoproclamada comunidade internacional garante. Ninguén está a exixir responsabilidades aos Estados Unidos e a Israel. A Unión Europea limítase a pedir contención a Irán en relación á súa posíbel resposta, pero non o fixo cando os Estados Unidos ameazaron con lanzar estes ataques.
- Este novo paso cara a unha guerra rexional dáse no marco do xenocidio palestino e das sucesivas agresións ao Líbano, ao Iemen ou á Siria por parte de Israel.
- Estes ataques tamén se dan no contexto do mal chamado “rearme” das potencias occidentais onde a UE pretende mobilizar 800mil millóns de euros seguindo á doutrina exterior norteamericana e da OTAN que, como se comproba ao longo da historia, é netamente agresiva.
Exiximos do goberno do Estado español e do goberno galego a condena desta agresión dos Estados Unidos a Irán e que mobilicen esforzos pola resolución diplomática do conflito, evitando a escalada bélica.
Especificamente, no caso do Estado, exiximos a paralización de todo incremento do gasto militar, a denegación do espazo aéreo e das bases militares ao servizo da OTAN para calquera tipo de colaboración con esta agresión e a inmediata retirada da fragata Méndez Núñez, con base no arsenal militar de Ferrol e que neste momento participa nun grupo de combate con buques británicos e norteamericanos na zona.
Débese exixir o respeito ao dereito internacional que garanta a paz en base ao dereito dos pobos ao exercicio da súa soberanía sen inxerencias, na Asia Occidental e en calquera outra parte do mundo.
Por todo isto chamamos o pobo galego a se mobilizar o vindeiro xoves 26 nas sete cidades galegas pola paz e en repulsa desta agresión inxustificada que compromete, tamén, o noso futuro.
Non á guerra, Galiza pola Paz.
A Coruña 20h Delegación do Goberno / Compostela 20h30 Praza do Toural / Ferrol 20h Praza do Himno / Lugo 20h Subdelegación do Goberno / Ourense 20h Subdelegación do Goberno / Pontevedra 20h Subdelegación do Goberno / Vigo 20h30 Farola de Urzáiz